Este itinerario que lles propoñemos percorre os escenarios vinculados á vida e a obra do ilustre escritor D. Ramón María del Valle-Inclán. O autor das Sonatas declararía en reiteradas ocasións ser natural da Pobra do Caramiñal, localidade á que profesou gran afecto e para a que enxeñou o nome literario de Viana del Prior. Estes aspectos da súa vida foron e seguen sendo obviados por algún dos seus biógrafos, a pesar de que nestes escenarios escrebe unha parte significativa da súa producción literaria e hoxe son elocuentes testemuñas do seu amor polas terras arousás da Barbanza.

 

 

 

Era este un lugar ó que lle gustaba ir a D. Ramón, situado no camiño cara os cumios da Curota, para alí admirar en toda a súa amplitude a impresionante paisaxe da Ría de Arousa, os pobos situados ó pé da Barbanza e os da costa do Salnés. Alí foi onde, como lembranza das súas subidas ó monte, se lle erixiu un busto de grande tamaño, obsequio do Concello de Pontevedra á “villa natal del escritor”, que esculca os pobos de ámbalas dúas beiras. 

 

 

Antiga fortaleza señorial, reedificada a partir do século XV, de grande importancia para a historia do municipio e a de Galicia da época. A súa entrada atópase precedida duna longa arboreda que bordea o camiño, case como un túnel no que luces e sombras quixeran marcar o profundo latexar do paso do tempo. Por este lugar tan cargado de historia, pasaron personaxes da política nacional do século XIX e comenzos do XX, e entre eles, o propio D. Ramón del Valle-Inclán, quen converte o lugar nun escenario cheo de resonancias do Marqués de Bradomín, e Gerardo Gasset Neyra.

Xa no casco urbano da vila e moi próxima á Igrexa parroquial do Caramiñal atopamos esta casa, prestada polo doutor D. Antonio Abal, director do Hospital Real de Santiago, a Valle, e que este habitou coa súa familia entre 1921 e 1925.

            Sería esta a casa onde virían ó mundo dous dos seus fillos, Jacobo Baltasar Clemente (1922) e Ana María Baltasara (1924).

            Son estes os anos de Cara de Plata, Luces de Bohemia, La Cabeza del Bautista, Tirano Banderas,... obras que ben puideron ve-la luz nese ático “de madera piña” onde se retiraba a escribir durante as súas estancias na casa.

 

 

 

Na actual rúa da Paz, foi escenario de tardes estivais nas que D. Ramón departía con outras personaxes de autoridade na vila, entre os que destacaban Andrés Díaz de Rábago, Santiago Tato, o boticario, José Barreras, avogado e case sempre en función de xuíz, o secretario do concello José Paz Mariño ou o mariñeiro mercante José Castro Dios.

            Hoxe a botica é unha lembranza dos seus contertulios e un museo que conserva nos seus tarros e estantes a esencia dun tempo que xa foi.

 

Preto dos xardíns da vila, que desde os anos oitenta levan o nome do noso ilustre autor, e seguindo o camiño aberto coa rúa Castelao, atopamos a Torre de Bermúdez, que debe o seu nome á derradeira familia fidalga que o habitou, a dos pais de Don Ramón: Ramón del Valle-Inclán Bermúdez de Castro e Dolores de la Peña y Montenegro, quen a venden en 1898 ó industrial Manuel Lojo Gelpi.

 

            O escritor tentaría recuperar esta torre e a concesión dun título de nobreza acorde cos nomes da súa estirpe, solicitándoo en 1915 ó rei Alfonso XIII. En 1935, outro veciño insigne, o magnífico ensaísta e prolífico escritor Don Victoriano García Martí, tentou infructuosamente reunir fondos co obxecto de recupera-lo edificio para Don Ramón.

 

 

 

Neste pazo barroco do século XVIII, levantado sobre unha obra do XVI, Don Ramón del Valle-Inclán gozaría da amizade e cariño duna ilustre familia que, ó igual cá súa, tiña fortes vínculos coa Pobra do Caramiñal, os Díaz de Rábago e Aguiar.

            Será con Andrés e Jacobo Díaz de Rábago con quen comparta estancias na residencia que estes tiñan en Santiago cando estudiaban na Universidade Literaria.

            Por outra banda, Andrés, un contertulio na farmacia Tato e padriño do seu fillo Carlos, será o seu compañeiro fundacional na creación do Sindicato Agrario Católico da Pobra do Caramiñal (1916).

Casal situado moi preto da capela da Virxe do Monte, e que no seu momento pertenceu ós Montenegro e Saco Bolaño, onde Valle pasou a súa nenez ó seren os propietarios familia da súa nai.

            O incidente producido entre Don Juan Montenegro e o párroco do Deán pola apertura dun paso nesta propiedade será ilustrado por Valle-Inclán nas súas Comedias Bárbaras.

            Este Don Juan de Montenegro, inmortalizado pola pluma de Don Ramón, foi en realidade un membro da fidalguía pobrense e patrón da Capela de Sacro na Igrexa de Santiago do Deán.

 

 

 

Ó borde do antigo Camiño Real entre O Caramiñal e Padrón, a actual comarcal 550, sitúase este antigo priorado transformado en pazo a fins do XIX no que Valle viviu entre finais do 1916 e 1921, alternando a súa estancia no lugar co domicilio de Madrid.

            É esta unha época de gran fecundidade literaria e tamén de alegría no fogar ante a cegada dos seus fillos Carlos Luis Baltasar (1917) e María Encarnación Beatriz Baltasara (1919).

            Neste lugar tentará unha experiencia fidalga, agrícola e literaria que só será fecunda neste último aspecto e resultará un desastre no económico, o que o levará a abandonar lugar e proxecto.

 

 

Páxina Principal    Asociación de Amigos  Socios Fundadores   Estatutos  Concurso Museo    Valle-Inclán    Ruta

 

 

 

alojamiento web gratis
Otros servicios ofrecidos por HispaVista:
Ofertas de Trabajo y Busco pareja
Consigue una página web gratis o un
hosting con Galeón